venres, 7 de agosto de 2015

ESCOITA ACTIVA (Remol Domingo XIX do Tempo Ordinario B)


Cando esquecemos que a fe ofrece esperanza, Deus é un recurso e as celebracións ritos baleiros

Que fotografía máis real da nosa sociedade a que nos propoñen hoxe a primeira e a segunda lecturas! O texto do libro primeiro dos Reis describe perfectamente a situación de baleiro e insatisfacción permanente pola que están a pasar moitas persoas. E como xa nada ten sentido nin pode aportar razóns para vivir, todo vale; e ademais hai que vivilo a “tope”; é dicir, sen preocuparse do ben ou mal que eses comportamento e actitudes lles poidan facer aos demais. O individualismo acampou na vida e no corazón de moitas persoas, e todo xira ao redor dos seus propios caprichos. Como nada paga a pena, para que esforzarse por ser xustos, honestos, alegres, esperanzados ou solidarios? 
Que mágoa, pero tamén que real! Mágoa porque vemos como toda unha xeración de homes e mulleres van construíndo a súa vida desde a amargura, o descorazoamento e a sensación de soidade; e o que é peor, así llo van transmitindo aos que veñen detrás. É real porque o vemos cada día, non é esta unha película que esteamos a inventar.
Diante deste xeito de vivir e estar no mundo, a fe ofrécenos unha proposta –que somos libres de acoller ou non– que nos leva por un camiño ben distinto. A proposta na que se descubre que sempre hai unha raiola de luz diante de moita escuridade, que paga a pena loitar e traballar por non facer o que fan todos, que quen é capaz de non deixarse levar do desespero acabará descubrindo sentido e razón para vivir, e facelo xunto con outros. En fin, todo o contrario a unha fe morta, ritualista e puramente ancorada en tradicións. Pero para iso é necesario que nós, que nos chamamos crentes, espertemos tamén das nosas rutinas e sexamos conscientes de que vivir sabendo que Deus non nos deixa sós, esíxenos estar no mundo con actitude de acoller, unir, perdoar e mostrar que a vida non é destino senón decisión e compromiso persoal por facer dela unha experiencia de encontro de proxectos, vontades e propostas dispostas a non deixarse secuestrar polo pesimismo nin pola desesperanza. Que coma Elías, saibamos tamén levantarnos e poñernos en camiño!
(Remol. Escoita Activa. Domingo XIX B)

Ningún comentario: