mércores, 12 de agosto de 2015

ASUNCIÓN DA VIRXE MARÍA (15 de Agosto 2015)


Ave María, a chea de graza que nos axuda a descubrir o rostro do seu Fillo nos rostros esquecidos e esmagados do noso mundo

Abrimos os ollos hoxe para admirarnos, unha vez máis, da persoa de María, muller, nai e cristiá sempre de referencia. Nela somos invitados hoxe a mirarnos os que nos chamamos seguidores do seu Fillo, porque nesa mirada descubrimos o que é navegar contracorrente para poder dicir si ao proxecto de amor de Deus. Incomprendida, excluída e mal mirada por aquela sociedade de “ben pensantes”. Tamén hoxe son moitas as mulleres que, coma María, navegan a contracorrente vencendo incomprensións e críticas; mulleres que sacan tempo de onde non o teñen para dignificarse co seu traballo e a súa entrega ás causas nas que durante moito tempo foron excluídas, ignoradas e silenciadas. É hoxe a festa de María, si; pero nela é tamén a festa de todas as Marías que non deixaron nin deixan que a súa dignidade de mulleres sexa dominada polos máis fortes.

Recemos xunt@s esta mañá con elas e por elas desde a tenrura de María de Nazaré.
(Escoita Activa. Asunción da Virxe María B)

Ningún comentario: