xoves, 16 de xullo de 2015

OLLOS ABERTOS (Remol. Domingo XVI do Tempo Ordinario)


ABRIR AS PORTAS PARA ACOLLER DESDE O CORAZÓN, SUPERANDO O “ZAPEO” DUNHA PASTORAL QUE PON SORRISO ESTÉTICO PERO NON CORAZÓN COMPROMETIDO

O influxo da televisión é, nos guste ou non recoñecelo, cada vez máis grande en cada un/ha de nós. A forza de ver e escoitar moitas veces a mesma cousa acabamos por facela nosa; e moitas veces sen darnos conta de que iso é así. Vén isto a conto porque todos nós temos feito moitas veces “zaping” co mando da televisión. Nada parece gustarnos o suficiente como para que lle prestemos a atención necesaria, e case sen darnos conta, imos pasando por un e outro canal sen decidirnos a quedar nun con tranquilidade e sosego. Isto mesmo nos pode tamén estar pasando coa nosa vida e, como non pode haber separación entre unha e outra, tamén coa nosa vida de fe. Parece que nada nos conforta, e buscamos aquí e alá tentando atopar algo/alguén que responda ao noso propio beneficio e interese. Facemos ruadas polas parroquias buscando a misa que dure menos, a catequese que sexa de menos anos, o bautizo no que aos padriños non se lles pida estar confirmados, a confirmación que sexa só un papel por se me fixera falta algún día... e así ata acabar facendo un “zapeo”pastoral que converta a fe en “ Low cost” interesado do que nos convén. 

Que lonxe do Evanxeo! Que triste acabar convertendo unha magnífica proposta de xenerosidade e esperanza no puro e simple interese social e ritualista! De verdade que é por aí por onde queremos dicir si a Xesús e facer da fe o sentido da vida? De que vida, a que ten sentido, forza, e esperanza e que remata no encontro de salvación con Deus, ou a que só busca “zapear”, pasando unha e outra vez, pero sen querer quedar para pensar e vivir o proxecto de Xesús, e sen interesarlle nada nin o que El di nin as esixencias que isto supón para os que quere/queremos seguilo?


Ningún comentario: