Somos Videiras de Cristo no medio do mundo, para ser froito abondoso de misericordia
Pouco a pouco imos adentrándonos no tempo de Pascua. Estes cincuenta días nos que os cristiáns queremos mostrar e expresar a ledicia da resurrección van envolvéndonos nunha chamada de optimismo, esperanza e solidariedade. Como ben sabemos a Pascua non é un día, senón un tempo e unha maneira de vivir e desenvolver a vida. Unha maneira de vivir ancorada na persoa de Xesús e que acollemos converténdoa en feitos, comportamentos e vivencias múltiples e ricas para cada un de nós e para as nosas comunidades.
Nesta experiencia de crecemento e encontro que a fe nos ofrece, hoxe queremos compartir a invitación que se nos fai desde o Evanxeo: entender e gozar desta vivencia pascual dando bos froitos que supoñan atoparse e compartir, tender a man e axudar, pararse e escoitar. Porque o bo froito só é posible con esforzo e traballo; e inda así, nada asegura que tod@s o vexan e entendan.
Neste domingo que volvemos xuntarnos ao redor da mesa do altar, unámonos neste momento de fe e comuñón que agora comezamos, sabendo agradecer a Deus as persoas e situacións que vai poñendo no noso camiño para ser felices e crecer queréndonos e preocupándonos uns polos outros.
(Escoita Activa. Remol Domingo V de Pascua)


Ningún comentario:
Publicar un comentario