venres, 3 de abril de 2015

VENRES SANTO Remol. 3 de Abril)

Abrir os ollos poñendo o corazón non no fracaso que entristece, senón na ledicia que nos fai camiñar na esperanza

Palabra, cruz e Comuñón. Tres eixos para situar a celebración deste día:

-   A Palabra que nos chega a través do  Servo sufrinte do profeta Isaías e da lectura da paixón de S.Xoán. No centro desta palabra a persoa de Xesús de Nazaret: Aquel que pasando facendo o ben, foi quen de entregar a súa vida por algo tan pouco cotizado hoxe en día como son os demais. Unha entrega xenerosa e solidaria. E que nos chega hoxe a nós por medio dunha celebración sobria e sinxela.
-  A Cruz que é dor, non podemos negalo, pero tamén é esperanza. A esperanza que dá sentido ao esforzo de tod@s cantos poñen a súa vida a carón das vidas que están a pasar pola experiencia de dificultade, dor, enfermidade, abuso, explotación, engano...; experiencia de cruz, ao fin e ao remate. A todas estas cruces queremos achegarnos esta tarde, non para contemplalas, senón para tender a nosa man e encamiñalas facéndoas camiñar cara a esperanza. A morte foi vencida, e outra cruz, que non sexa a da morte, é posible!
-  A Comuñón que nos fai sentir preto uns dos outros, preocupándonos, axudándonos, compartindo camiño, dores e proxectos no nome de Xesús, o Servo que asume na súa persoa o camiño de novidade .

Que fagamos tod@s o esforzo por converter esta celebración nunha experiencia de renovación e acompañamento solidario na comuñón compartida cos demais en Xesús.

Ningún comentario: