A IMPORTANCIA DE NON REXEITAR: NIN O MOITO É VALIOSO NIN O POUCO É DESPREZABLE. COÑECER PARA ESCOLLER
Boas días. Rezaremos no salmo responsorial que a pedra que desbotaron os canteiros, é agora a esquinal sobre a que se sostén a construción. Canta razón!. Si, porque moitas veces o que facemos é rexeitar o que a primeira vista nos puidera parecer pequeno e sen valor, volvéndonos tolos coas cousas voluminosas, grandes e aparentemente máis valiosas. Pero só aparentemente, porque logo, cando as abrimos e as coñecemos, dámonos conta de que non valen nada. Deste mesmo xeito actuamos tamén en relación coas persoas. As que aparecen nos medios de comunicación, as que pensamos que teñen cartos, poder, ou as que máis se fan ver, coidamos que son importantes e temos que arrimarnos a elas. Que grande erro! Porque pode ocorrer que pasado o tempo vaiamos descubrindo que o que pensabamos que era dun xeito, acabe por mostrarse como realmente é: doutro totalmente distinto. E iso prodúcenos desilusión, desengano e tristura. Por iso as palabras do salmo son importantes, e queren facernos caer na conta, que non todo o que reluce é ouro.Que necesitamos valorar o que è pequeno, o aparentemente non importante, o que nin chama a atención nin busca honores. Porque aí, e só aí, poderemos atopar o rostro e a presenza do Resucitado. Que saibamos ser pedras vivas nunha Igrexa que nos necesita a tod@s e que non mira ao pasado con nostalxia, senón co agradecemento de que do mesmo xeito que houbo persoas que o deron todo para que nós o tiveramos mellor; agora tócanos a nós dalo todo para que os que veñan logo de nós poidan tamén sorrir e esperanzarse.
Ningún comentario:
Publicar un comentario