mércores, 11 de marzo de 2015

DOMINGO IV DE CORESMA (Remol. Escoita Activa. 15 de Marzo)


As novas Babilonias van desterrando, porque non gustan nin interesan, ás persoas que non cumpren os patróns impostos polos que mandan: guapos, famosos e triunfadores, que saben vender fume pero non tender unha man a quen a necesita

Babilonia era para uns o triunfo, a riqueza o dominio. Porén, para moitos outros era escravitude, sometemento e indiferenza. O pobo de Israel pertencía a este último grupo. Pouco a pouco foran perdendo a frescura da fe, o alento por traballar comunitariamente, e a esixencia de non deixarse levar polo fácil e cómodo. Nunha palabra: esquecéronse de Deus. Neste esquecemento escribiu Israel a súa propia desfeita. Todo se viu abaixo, o que foi a ocasión para que os babilonios os someteran e deportaran. De novo volvían ter que marchar do su país para ser escravos dos triunfadores, dos que daquela tiñan o poder. 

Coma naquel tempo, tamén nós, como sociedade e persoalmente, fomos esquecendo e desterrando a Deus das nosas vidas. Non era moderno, non era racional, todo era unha mentira, diciamos. Invisibilizar a Deus supuxo tamén invisibilizarnos uns a outros e caer na máis absoluta indiferenza. Nada importa, todo dá igual e só queda protexerse para que namentres lles toque a outros non me alcance a min.

A onde nos leva isto?. Cara onde imos?. A pesares desta teimosía dos humanos, Deus segue a termar de nós, a querernos. Para El seguimos a ser visibles; e chámanos a nós a non permitir que ningún poder, abuso ou escravitude someta e manipule a cantos somos feitura das súas mans e quentura do seu corazón.


Ningún comentario: