mércores, 10 de decembro de 2014

DOMINGO III DO TEMPO DO ADVENTO (Remol. 14 de Decembro)

NON PODEMOS VOLVER NACER FISICAMENTE, PERO SI FACER SAÍR OS GROMOS NOVOS QUE SUPEREN O PESIMISMO E AFASTEN O ENGANO E A CORRUPCIÓN. O ADVENTO É TEMPO DE SEMENTEIRA INTERIOR

                  Vivimos un momento de pesimismo e sensación de derrota. Aqueles nos que confiabamos fóronnos decepcionado: os políticos menten e corrómpense; os banqueiros engánannos e sácannos os cartos; na igrexa hai curas que abusan e lle fan dano aos máis pequenos e inocentes; no fútbol os grandes contratos fannos sentir humillados porque con pouco que fagan gañan todo que, sumados todos os membros e idade laboral da nosa familia, non somos capaces de gañar en trinta anos. É logo….,as cousas só son así?. Non haberá raiola de luz nin de esperanza algunha?.
Se a nosa análise fose só superficial teriamos que dicir que si; pero se afondamos un pouco, seguro que somos capaces de de
scubrir políticos honestos e traballadores –os que nunca saen nos telexornais-, traballadores de banco que cumpren co seu horario e tentan servir aos seus clientes;  curas que sen facer cousas espectaculares, tentan estar ao lado de que sufre, axudar a quen non ten ou visitar a quen está enfermo; mesmo hai xente nova que cada semana xoga a fútbol porque lle gusta e divirte.
Todo isto dinos que hai outra foto da nosa sociedade. Claro que é unha foto que non está no foco da noticia nin no horario estelar de emisión das grandes cadeas. Si, hai esperanza, hai vida, hai moitas vidas dándose para levar agarimo, paz, acollida e solidariedade a quen a necesite. Unámonos tamén nós a esta xeira, aparentemente invisible nos medios espectáculo, e fagamos da vida unha experiencia de compartir sorrisos e esperanzas.

Que o tempo de Advento sexa a nosa liña de saída nesta carreira por visibilizar a esperanza, que a hai, ao noso redor, e de unirnos nós tamén a ela!.

(Remol. Escoita Activa. Domingo III do tempo do Advento B)



Ningún comentario: