domingo, 26 de outubro de 2014

O ESQUECEMENTO LÉVANOS A REPETIR OS ERROS QUE NOS FAN INFELICES

Seguro que as lecturas que imos proclamar hoxe resúltannos moi coñecidas, alomenos por telas escoitado moitas veces. O que ao mellor xa non é tan seguro é que lle teñamos prestado a atención que merecen pola fondura da mensaxe que nos transmiten e pola forza coa que son pronunciadas. Si, porque tanto as palabras do libro do Éxodo como as de Xesús poñen o importante no centro, sen deixarse levar de modas ou rebumbios mediáticos. O importante, o fundamental é manter sempre, e dise isto moi claro, sempre o respecto e a defensa da persoa. Porque é ela, e só ela, a que posúe a dignidade que comparte con Deus. Por iso é necesario respectala, comparta ou non o noso xeito de pensar, rece a un Deus diferente ao noso ou teña unha escala de valores que non compartimos. E iso é así porque a dignidade non nola dá ningunha constitución nin ningún acordo internacional asinado por países, senón que a dignidade vén con nós. Nace cando nacemos nós e acompáñanos ao longo da nosa vida. Ninguén pode poñerse a medalla de térnola concedido.

Desde estas claves entenderemos logo os textos que hoxe imos ler na celebración; e polo mesmo, non nos quedará outra que levar á practica na nosa vida ese respecto que todas as persoas nos merecen.
(Escoita Activa. Domingo XXX do Tempo Ordinario A)



Si nós o fomos...



Porque non eles?


Ningún comentario: