sábado, 20 de setembro de 2014

DOMINGO XXV DO TEMPO ORDINARIO A (21 de Setembro)

NOS CAMIÑOS DA VIDA, O CAMIÑO DE DEUS É UNHA INVITACIÓN A SUPERAR CANSAZOS E DIFICULTADES

Temos escoitado, tamén utilizado, moitas veces a expresión “camiños da vida”. Con ela queremos poñer de manifesto todos os nosos quefaceres, as nosas tarefas de cada día, de todos os días. Esta metáfora do camiño aplicada a vida de cada un de nós axúdanos a ir tomando conciencia que do mesmo xeito que non todos os camiños son iguais, tampouco, inda que sexa o mesmo, non todos o andan da mesma maneira. Cada un vai poñendo a súa propia historia, as súas propias forzas ou o seu propio obxectivo á hora de andalo.
Nos textos das lecturas que hoxe imos proclamar o camiño preséntasenos como un elemento que forma parte da mesma vida e das mesmas preocupacións e esperanzas que cada un de nós ten á hora de facelo. Ese camiño é un camiño de crecer en liberdade e de non deixarse levar da ilusión de querer ser coma Deus. Tampouco de querer facer un deus á nosa medida. Os criterios do Deus cristián son criterios de misericordia, solidariedade, perdón, paz... gratuidade. Podemos dicir que tamén son os nosos?.
Tomemos logo conciencia de que non somos deuses, tampouco debemos ter a pretensión de querer selo, para poder deste xeito non ter medo a comezar esta andaina deixándonos acompañar pola presenza do Deus amigo que, sen confundir o seu camiño, goza de ser compañeiro do noso.
(Escoita Activa. Remol. Domingo XXV do TEmpo Ordinario A)

Ningún comentario: