SEMENTAR ESPERANZA: VELAÍ A
NOSA TAREFA
Este domingo é a festa da Exaltación da Cruz. E pode ser que nunha sociedade coma a nosa,
que busca apaixoadamente a comodidade e o máximo benestar, haberá xente que se
pregunte polo sentido desta festa. Porén, se cadra máis ca nunca, cómpre
lembrar que cando celebramos a cruz non ensalzamos o sufrimento, a inmolación e
a morte, senón o amor, a proximidade e a solidariedade dun Deus que quixo
compartir a nosa vida... e a nosa morte. A cruz é a revelación do noso destino:
o triunfo de Cristo é a vitoria de todas as persoas.
Ninguén
nos vai quitar as dificultades, a dor, os problemas, as preocupacións; pero si
sabemos que todas elas poderán ser superadas naquel en que pomos a nosa forza,
a nosa esperanza, a nosa vida. Aquel que soubo superar o fracaso e abrirse á
esperanza. Tamén nós, os seus seguidores, somos invitados neste día a non
esquecer que a morte, todas as mortes -non só as físicas-, que se producen no
noso mundo, poden ser vencidas. Fagamos un exercicio de memoria e lembremos
como tantas cousas que noutro tempo nos parecían imposibles, hoxe están
acadadas. E aí non paramos, a historia, a nosa historia é lineal, non cíclica,
sempre aberta á esperanza e ao futuro. Por iso a cruz é sinal de contradición e
superación: o mal foi vencido, a esperanza está a chegar.
(Escoita Activa. Remol Domingo XXIV do Tempo Ordinario)
Ningún comentario:
Publicar un comentario