xoves, 3 de xullo de 2014

DOMINGO XIV DO TEMPO ORDINARIO A (6 de Xullo)

APRENDER A VIVIR A VIDA COMA UNHA BENDICIÓN, LÉVANOS A PERCIBIR A REALIDADE DESDE O POSITIVO, ROMPENDO O PESIMISMO ANTICRISTIÁN NO QUE TANTAS VECES TEMOS CAÍDO

Non estamos afeit@s a agradecer, valorar e recoñecer o que outros, principalmente os que non pensan coma nós, -“non son dos nosos”, dicimos-; fan por nós. Ter convertido este xeito de actuar en algo habitual vainos facendo caer nunha vivencia da fe individualista e pouco racional. É o sentimento cara esta ou aquela persoa o que nos move, non a convicción de que está actuando e comportándose como debe facelo, deixando a un lado favoritismos e componendas. Non saber valorar persoas e feitos por riba do que nós pensamos e nos gusta, fai tamén que nos custe entender o sentido de eclesialidade e comuñón; porque, guste ou non, a fe só se pode vivir xunto con outros, e eses outros non van por libre e ao seu xeito, senón como membros da Igrexa. Igrexa que non son paredes, senón persoas. Por iso é importante que, ao abeiro dos textos que hoxe imos proclamar, saibamos valorar o traballo das persoas, máis alá de se pensan ou non coma nós, para ir construíndo comunidades e grupos de crentes agradecidos e respectuosos, recoñecendo o positivo do seu traballo, e sempre dispostos a afrontar a realidade con actitude positiva e visión de esperanza. Porque só desde a esperanza da que nos fala Xesús, podemos entender que quere dicir ser cristiáns.
(Escoita Activa. Remol Domingo XIV do Tempo Ordinario)


Ningún comentario: