xoves, 17 de abril de 2014

A CEA DO SEÑOR. Xoves Santo (Ciclo A)

Di o noso refraneiro que hoxe era un dos días do ano ao que o sol non lle podía facer fronte, pola forza do seu relumeamento. Pois si. Porque a pesares de que cada vez o mundo secularizado nos leva a esquecer a Deus, a non telo como guieiro da vida ou mesmo a prescindir del, El quere seguir con nós, e por iso nos ofrece este día de festa para que lembremos sempre que quedou para ser un dos nosos; e fíxoo utilizando un xesto que todos entendemos en toda a súa fondura: colleu pan e viño e déullelos a compartir aos que estaban con el naquela Cea.

A partires dese momento, sempre que nos reuniumos no seu nome, o pan e mais o viño volven poñerse por riba do altar para que poidamos gozar da súa presenza; pero non a distancia, senón dunha presenza que vai con nós, que nos acompaña, que non nos deixa.

Nesta tarde, reunidos no seu nome, volveremos repetir aquel xesto da Derradeira Cea, para facer vivo e presente entre nós a súa persoa e a súa mensaxe. E farémolo dando grazas por canto El ten suposto na nosa vida, e polo moito que ten incidido para que os nosos corazóns deixen de ser de pedra para ser de carne e experimentar a grandeza do amor e do servizo, que hoxe tamén agradecemos desde o recoñecemento do traballo dos voluntari@s e das Caritas de todo o mundo,e do servizo de cantos viven o seu sacerdocio como entrega xenerosa á causa de Xesús desde “os gozos e as esperanzas, as tristuras as angustias” dos que conforman as súas comunidades.

Comecemos agradecidd@s esta celebración que nos une máis alá de fronteiras, linguas e culturas. 
 (Remol. Xoves Santo A)

Ningún comentario: