sábado, 19 de abril de 2014

A NOITE, DÍA


         
          Aledémonos cantos esta noite queremos participar da festa da
resurrección!.

Gocemos da presenza entre nós de quen nos vén traer a luz!.

O que venceu a tebra e se abriu paso deixando pegada de esperanza
e vida!.

Sintámonos comunidade que, dun cabo ao outro do mundo,

se reúne gozosa, para anunciar que a tebra foi vencida,

e que a luz chegou a tod@s!.

Que gozo e que ledicia, poder dicir ben alto:

que o corazón de Deus vaise abrindo camiño

no medio dos nosos corazóns,

          que a súa invisibilidade fíxose presenza

          no testemuño agarimoso das xentes de ben!,

que a morte foi vencida, que a vida é celebrada,

e que o ben segue a ser posible.

É verdade que seguimos sen aprender!.

É verdade que retrucamos unha e outra vez;

que non acabamos de fiarnos,

que a palabra se nos vai pola boca,

mentres os nosos feitos non acaban de chegar.

É verdade todo iso;

pero non é menos verdade,

que Ti, Señor, segues a confiar en nós,

que unha e outra vez,

renovas o teu compromiso de amor e fidelidade buscándonos,

saíndo ao noso encontro,

e tratando de facernos ver que,

vencido o mal,

o camiño é máis doado.

Estas son as festas da Pascua,

nas que resurrección e vida

camiñan xuntas na persoa de Xesús.

Nesta noite, coma aquela vez en Exipto,

tamén Ti, Señor, te pos á fronte,

para superar atrancos e afastar neboeiras.

Está é a noite na que o mundo treme,

porque en Cristo a salvación chegou a nós.

Esta é a noite na que a ruptura de cadeas

nos abre un camiño de liberdade,

afastándonos da escravitude

que nos enfronta, domina e encarcera.

Que abraiante a presenza do teu amor en nós!.

Que incomparable a túa tenrura e xenerosidade!.

Que testemuño de fraternidade o camiño aberto

para deixar atrás o pecado que en Adán

nos converteu en limitados e débiles.

Que noite de lumieiras

na que ceo e terra se atopan

na riqueza do divino e humano!.

E así, nesta noite santa,

a ledicia volve agromar nos nosos corazóns,

a comunidade volve reunirse,

e o pasado quedou atrás,

namentres o abrente se nos vai achegando.

Que o cirio do que compartimos a luz,

sexa sempre facho de claridade

que nos afaste das nosas escuridades,

e nos faga camiñar

no que une, aleda, ilusiona e nos marca

un camiño novo no que a esperanza xa non marcha,

e Cristo resucitado faise un entre nós

e para sempre.

Resucitou, Aleluia!.
(Remol. Vixilia Pascual A 2014)

Ningún comentario: